lunes, 9 de abril de 2018

Os orzamentos máis sociais

O Proxecto de Lei de Presupostos xa iniciou a súa tramitación no Congreso e eu apelo á responsabilidade de todos os partidos para que finalmente poida ser aprobado. Non porque sexan uns orzamentos presentados por un Goberno do Partido Popular, senón porque son unhas contas pensadas para a mellora do benestar social e económico. Encadear catro anos de crecemento e creación de emprego permitiron presentar uns presupostos expansivos e con carácter eminentemente social. 7 de cada 10 euros destínanse ao gasto social, o que os converte nos presupostos máis sociais de toda a historia. Calquera que estude con detalle as contas non pode negar esta realidade. Os PXE para 2018 teñen como obxectivos fundamentais non deixar aos máis vulnerables fóra da recuperación e restablecer o benestar das clases medias, que son o verdadeiro motor do noso país e o elemento vertebrador imprescindible da nosa sociedade. Síntome gratificado ao poder dicir que as contas presentadas por Mariano Rajoy cumpren co compromiso do Partido Popular de baixar impostos; cumpren cos acordos que firmamos cos axentes sociais e funcionarios públicos; cumpren cos nosos mozos (inclúen a maior inversión en becas da historia de España) e cos nosos maiores (subindo as pensións máis baixas un 3%, o dobre do IPC esperado). Tamén me satisfai poder dicir que son uns orzamentos bos para a miña provincia. Máis do 46% da poboación lucense verase beneficiada de forma directa polas actuacións contempladas nas contas de Rajoy. 122.000 pensionistas de Lugo, 9 de cada 10, verán incrementada a súa pensión. Na mesma situación están os 30.000 funcionarios da provincia; os 29.000 viúvos e viúvas lucenses e os máis de 1.350 efectivos das forzas de seguridade que experimentarán unha equiparación salarial significativa. Non se pode pasar por alto a partida destinada a loitar contra a violencia de xénero. Se se aproban estas contas, España destinará o maior presuposto da súa historia para loitar contra un dos principais retos da nosa sociedade. Por todo isto, fago un chamamento ao Partido Socialista para que actúe con seriedade e rigor. Pido a Pedro Sánchez que reflexione e se afaste do “non é non”, que pense no interese xeral e non no seu propio e apoie as contas presentadas polo Goberno de Mariano Rajoy.

No hay comentarios: