miércoles, 14 de marzo de 2018

Cara unha sociedade igualitaria

Nesta semana que acabamos de rematar gran parte do protagonismo foi seu, das mulleres. Das que decidiron participar na folga e das que non; das que optaron por manifestarse e das que preferiron non facelo; de todas, porque todas son un piar imprescindible da nosa sociedade. O protagonismo foi seu, pero a tarefa é de todos, de homes e mulleres. Xuntos debemos traballar para acadar a igualdade real, porque se traballamos xuntos conseguiremos máis rápido unha sociedade máis xusta para todos. O compromiso do Goberno coa igualdade é absoluto e desde o Partido Popular traballamos todos os días do ano para conseguir a igualdade de oportunidades e, tal e como dixo Mariano Rajoy, seguiremos facéndoo sen regatear esforzos. Nesta tarefa común é fundamental evitar enfrontamentos sectarios que distorsionen o obxectivo final. A igualdade non pode ser un comodín para conseguir votos, senón un obxectivo real e unha prioridade política que require de grandes acordos. O Goberno de Mariano Rajoy demostrou con feitos o seu compromiso coa igualdade real e efectiva: creando emprego e eliminando barreiras que impiden o acceso da muller, en diferentes ámbitos da nosa sociedade, nas mesmas condicións que o home. Non é asumible que unha muller cobre menos por desempeñar a mesma tarefa, por iso o Goberno vén traballando para reducir a Brecha Salarial que, a día de hoxe, se sitúa no noso país en mínimos históricos. España reduciu catro puntos e medio esta diferenza salarial entre homes e mulleres, sendo así o país da UE que máis a recortou. Nestes anos o Executivo de Rajoy regulou o teletraballo; mellorou o permiso de lactación para que o poidan solicitar tanto as nais coma os pais; ampliou a baixa por paternidade e creou unha bonificación do 100% das cotas sociais durante un ano para os autónomos que necesiten reducir a súa xornada por coidado de fillos, entre outras medidas. Ademais, alcanzouse un Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, unha das grandes lacras dos nosos días. Camiñamos pasiño a pasiño na boa dirección pero queda moito por facer, por iso seguimos esforzándonos e avanzando cara un modelo de convivencia de roles compartidos onde homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades.

No hay comentarios: