martes, 27 de marzo de 2018

Aposta polas zonas rurais

O desafío demográfico non é algo novo, levamos anos traballando niso e en provincias coma Lugo sabemos ben ao que nos estamos referindo. O que si é novo é a aposta firme dun Goberno para frear o despoboamento. Foi o Executivo de Mariano Rajoy o que decidiu incrementar os esforzos para paliar os desequilibrios poboacionais. A última medida é o Plan 300x100, unha iniciativa que acaba de aprobar o Goberno para levar fibra óptica a velocidade de 300 Mbit/s ao 100% dos núcleos de poboación de España. Está dotado con 525 millóns de euros para o período 2018-2021 e Galicia é a segunda comunidade máis beneficiada, solo precedida de Andalucía. É unha boa noticia para provincias coma Lugo, xa que os novos avances tecnolóxicos permitirán aos nosos pobos reducir as distancias físicas e facer fronte ao despoboamento. Non hai dúbida de que a mellora dos servizos e das prestacións contribuirán a mellorar o benestar de todos os habitantes das zonas rurais, ademais de potenciar o desenvolvemento económico. A través deste novo Plan do Goberno a práctica totalidade da poboación de España terá acceso a redes de banda ancha ultra rápida dentro de tres anos. Nun mundo dixital e globalizado o acceso a internet de calidade é clave para garantir a igualdade de oportunidades. Ninguén dubida xa de que a economía do futuro e por tanto o desenvolvemento dun país, camiñan paralelos á revolución dixital. Iniciativas coma esta amosan que o Goberno se toma en serio os problemas dos españois. Non podemos permitir que as zonas rurais queden fóra da revolución dixital. O futuro de moitas das nosas explotacións agrícolas e gandeiras e de moitos autónomos asentados en zonas rurais pasa, sen lugar a dúbidas, por dispoñer de redes potentes de fibra óptica. É imprescindible que non haxa brechas nin entre territorios nin entre persoas e niso traballamos desde o Partido Popular e desde o Goberno, para que todos os españoles teñan as mesmas oportunidades independentemente do lugar no que vivan.

No hay comentarios: