miércoles, 14 de febrero de 2018

Aseguramos o futuro das nosas pensións

Esta semana gustaríame empregar este espazo para explicar a verdade do noso sistema público de pensións, porque nos últimos meses houbo un interese crecente por distorsionar a realidade. Nunca é bo mentir e menos en política. O futuro das pensións é un asunto prioritario no que deberíamos poñernos de acordo todas as forzas políticas. Desde o Partido Popular apostamos por un sistema de pensións sostible, equitativo e solidario e estamos traballando para conseguilo. Unha das primeiras medidas do executivo de Mariano Rajoy foi desconxelar e subir as pensións, pese a que estábamos inmersos no peor da crise económica. Esta é a verdade: Foi o Goberno do PSOE, con José Luis Rodríguez Zapatero, o que conxelou as pensións, mentres que o PP asegurou por Lei que as pensións sempre subirán. Hoxe hai case dez millóns de persoas percibindo pensións no noso país. O compromiso decidido e firme do Goberno de Rajoy co sistema público de pensións fixo que España iniciara a recuperación económica pagando máis pensións e máis altas ca nunca. Polo tanto, pido á oposición que non use as pensións como arma partidista e se esforce por facer propostas construtivas no seno do Pacto de Toledo. Desde o PP mantemos o rumbo marcado, seguiremos esforzándonos por crear máis emprego e de calidade, porque o crecemento económico é a mellor ferramenta para garantir a sustentabilidade do sistema público de pensións. Antes de rematar quero facer un repaso pola situación da miña provincia. En 2012, cando Rajoy chegou á Moncloa, a pensión media en Lugo era de 613 euros e agora os pensionistas lucenses perciben 698. As cifras amosan tamén que non é certo que perderan poder adquisitivo, xa que nos últimos catro anos a pensión media aumentou na provincia en algo máis dun 8% e a inflación acumulada apenas chega ao 1,1%, polo tanto os pensionistas gañaron un 7% de poder adquisitivo dende xaneiro de 2014. Esta é a realidade do noso sistema de pensións. Eu síntome moi orgulloso de vivir nun país onde o futuro das pensións está asegurado e creo que todos deberíamos estalo.

No hay comentarios: