lunes, 15 de enero de 2018

Si á prisión permanente revisable

Comezamos o 2018 cunha nova triste e desgarradora. Despois de meses de traballo a Garda Civil conseguiu desenmascarar ao asasino confeso de Diana Quer e localizar o seu corpo. Desde aquí quero transmitir o meu pésame á familia e asegurarlles que desde o Partido Popular e o Goberno faremos todo canto estea nas nosas mans para que cumpra a maior das penas. Apoiamos, como non pode ser doutra maneira, a petición da familia de Diana para que non se derrogue a prisión permanente revisable e para iso presentaremos no Senado e en todos os concellos unha moción na súa defensa. Pido aos grupos políticos da oposición que reflexionen, reconsideren a súa postura e renuncien a derrogar esta figura lexislativa. Non é un capricho do Partido Popular. A prisión permanente revisable entrou en vigor en España en 2015; é un modelo que está estendido no Dereito comparado europeo e que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considera axustado á Convención Europea de Dereitos Humanos. Non se pode usar un tema tan grave como este para obter réditos políticos. A prisión permanente revisable non é unha pena definitiva nin unha cadea perpetua, aplícase en aqueles casos de delitos extremadamente graves, como o terrorismo, asasinato de menores, ou asasinato con violencia sexual. En ningún caso esta figura renuncia á reinserción do penado xa que, una vez cumprida unha parte mínima da condena, un Tribunal valora as circunstancias do preso e revisa a súa situación. É importante que se manteña no noso ordenamento xurídico porque permite garantir a seguridade, os dereitos e as liberdades de todos os españois. De feito, existe unha ampla corrente de opinión pública a favor da prisión permanente revisable, proba diso é a mobilización social que xerou en torno á familia de Diana Quer, as miles de persoas que coa súa sinatura apoian a súa petición. O PP é o único partido que defende que se manteña, os demais terán que explicar por qué pretenden abolila. É un instrumento punitivo que existe nas democracias europeas máis avanzadas e debe manterse no noso Código Penal porque é unha ferramenta útil que axuda a constatar se alguén que cometeu delitos moi graves está rehabilitado.

No hay comentarios: