miércoles, 31 de enero de 2018

Esta é a dirección correcta

2017 rematou de xeito moi positivo no que se refire á evolución do emprego. Os últimos datos da enquisa de poboación activa, EPA, non deixan lugar a dúbidas: en España créanse postos de traballo a bo ritmo, o que permitiu que a nosa economía rozara os 19 millóns de ocupados ao peche de 2017, logo de aumentar case medio millón. É un dato esperanzador e reconfortante que confirma que os esforzos dos españois e as políticas do Goberno de Rajoy deron resultado. En economía, como na maioría dos ámbitos da vida, nada é froito do azar. A EPA confirma que as reformas emprendidas polo Goberno están contribuíndo a que levemos practicamente 50 meses cunha evolución positiva e que continuemos liderando a creación de emprego en Europa. As cifras revelan que a maior parte dos postos de traballo creados no último ano son a tempo completo, indefinidos e que se concentran no sector privado. Ademais, as decisións acertadas do Goberno situaron o emprego feminino en máximos e a brecha salarial en mínimos. Esta é a liña na que o Partido Popular vai seguir traballando; queremos configurar un mercado estable e de calidade, que non deixe fora a ninguén e que, ademais, permita aumentar os salarios e combater a precariedade. Este é o noso gran reto. Para conseguilo pido aos partidos da oposición que fagan un exercicio de responsabilidade, porque non se pode facer gala dun discurso sobre a creación de emprego e logo rexeitar os Presupostos Xerais do Estado. Que ninguén se equivoque, non son os presupostos do PP ou de Rajoy, son os presupostos de todos; os que nos permitirán seguir xerando emprego, asegurando as pensións, a sanidade, a educación e, en definitiva, o benestar. Hoxe síntome moi contento ao poder dicir que a nosa provincia, Lugo, non queda atrás, xa que pechamos 2017 sendo a provincia coa menor taxa de parados de Galicia. É unha gran noticia para todos os lucenses. A pesar disto, non podemos conformarnos e seguiremos traballando duro para que todos aqueles que aínda non perciben claramente as consecuencias da recuperación poidan facelo máis pronto que tarde.

No hay comentarios: