jueves, 21 de diciembre de 2017

Seguimos avanzando

Cumpriuse un ano desde que arrancara esta XII Lexislatura e aínda que foron meses complicados, algúns máis ca outros, o balance é positivo. Comparto ao cen por cen o dito por Mariano Rajoy que cualificou de “razoable” este ao de goberno. É máis, eu atreveríame a ir un paso máis alá e diría, sen complexos, que foi un ano bo para España, no que o noso Goberno fixo todo o posible para que o país siga avanzado e recupere, en todos os sectores, os niveis de crecemento previos á crise. Os datos avalan a miña afirmación: medramos por encima do 3%, moi por encima da media europea e das grandes economías como Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia. Recuperamos o total do PIB perdido durante a crise; as exportacións están en máximos históricos e batemos récords de turistas. Detrás de estes datos obxectivos non hai maxia; está o bo facer do Goberno, marcando o rumbo correcto, e o esforzo de todos os españois. Os últimos datos de emprego son tamén alentadores, neste último ano os postos de traballo aumentaron en 637.000 persoas. A nosa meta é conseguir 20 millóns de empregados en 2020 e para iso seguimos esforzándonos. Non descansaremos ata conseguir que todas as persoas poidan ter un emprego que lles permita vivir con dignidade. Agora, cos datos na man, cobra máis sentido a frase que o noso Presidente leva repetindo desde que chegou ao Goberno: crear emprego é a mellor política social. O esforzo de todos non foi en vano, está dando os seus froitos; xa ninguén pode poñer en dúbida que se conseguiron sentar unhas bases sólidas para a nosa economía e isto significa garantir o futuro de todos. Tamén quero referirme a un dos momentos máis difíciles desta Lexislatura: o desafío independentista. A aplicación do 155 amosou a importancia do Senado, que moitos poñían en dúbida, e amosou tamén que temos un Goberno que soubo defender a unidade nacional e restablecer a orde Constitucional. Agora, cun proceso electoral transparente e democrático por diante, ábrese en Cataluña un novo tempo no que pechar as feridas abertas e recuperar a convivencia social e política.

No hay comentarios: