viernes, 8 de diciembre de 2017

A muralla, orgullo dun pobo

O 30 de novembro do ano 2000 a muralla de Lugo foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Cúmprense agora 17 años daquel día histórico para Lugo e os lucenses; 17 anos despois, estamos igual de orgullosos do noso monumento máis representativo. Como lucense identifícome coa muralla, coa miña muralla, porque todos sentimos que forma parte, dunha ou doutra forma, das nosas vidas. A cidade de Lugo non tería sentido sen ela, porque a vida dos veciños transcorreu sempre vinculada á fortificación, que século tras século segue sendo testemuña directa da evolución da cidade. A declaración da Unesco supuxo un antes e un despois para a muralla, xa que se potenciou a súa conservación; e para a cidade e a provincia de Lugo, xa que favoreceu o crecemento do turismo, que aumentou de forma exponencial dende a declaración. Os trámites para logralo iniciáronse sendo alcalde da cidade o meu compañeiro do Partido Popular, Joaquín García Díez. Non podo sentirme máis orgulloso de ter formado parte daquela corporación municipal que deu os primeiros pasos para lograr este importante fito para a cidade. Agora, que viaxo con frecuencia, recomendo con orgullo a todo o mundo que visite Lugo e a súa muralla, a única do mundo que se conserva enteira. Recomendo que camiñen sobre ela, que gocen das súas torres, das súas vistas, da súa beleza… igual que eu o sigo facendo ano tras ano. Xunto á muralla, a provincia de Lugo conta con outros moitos encantos naturais e históricos, algúns deles xa recoñecidos a nivel mundial: a Catedral de Lugo, a de Mondoñedo ou o Camiño Primitivo e outros como a Ribeira Sacra que, pola súa beleza, estou convencido de que terán o recoñecemento máis pronto que tarde. É deber de todos conservar os nosos monumentos, a nosa tradición, a nosa historia, as nosas sinais de identidade como pobo. Pero tamén é o noso deber gozar deles e potencialos. A muralla envolve a Lugo, arroupa ás súas xentes, atrapa aos visitantes… é sen dúbida o noso símbolo de identidade. É un exemplo da grandeza da cidade e a grandeza das súas xentes.

No hay comentarios: