lunes, 20 de noviembre de 2017

O Prestige, 15 anos despois

Agora que se cumpren 15 anos da catástrofe medioambiental do Prestige, véñenme á memoria moitos recordos dos meses que tivemos que loitar contra a marea negra nas costas galegas. Eu tiven que vivir en primeira persoa aquela catástrofe, pois dous meses despois do accidente do petroleiro, D. Manuel Fraga nomeoume conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Hai dous días coñecemos a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, que condena ao capitán do barco e á compañía aseguradora a indemnizar ao Estado español con 1.573 millóns de euros, e á Xunta con 1,8 millóns. Esta sentenza é clara e contundente, ademais de coincidir co que sempre defendemos desde o Partido Popular, que o Goberno de España non tivo ningunha responsabilidade no afundimento do buque. Tamén existiu delito medioambiental e por iso os responsables debían ser condenados a pagar as indemnizacións. Hai que resaltar que o xuízo do Prestige foi un dos máis complexos na historia da Xustiza galega, facendo fronte a Xunta ás necesidades materiais que eran necesarias para poder celebrar as sesións. Hoxe tamén é o momento de recordar e agradecer o traballo dos miles de voluntarios que ofreceron a súa solidariedade e o seu esforzo desde todos os recunchos de España. Ademais, eses días marcaron un punto de inflexión que espertou o compromiso de todos os españois co medio ambiente. Galicia está hoxe moito mellor preparada para afrontar un desastre medioambiental como o que provocou o Prestige, grazas á posta en marcha do Plan CAMGAL, que permite loitar contra a contaminación mariña dunha forma máis contundente, eficaz e organizada. Ademais, a Xunta dotou con máis medios á Consellería de Medio Ambiente, que agora conta para loitar contra a contaminación con máis buques, equipamento punteiro, dúas naves loxísticas para almacenar material específico contra a contaminación e contedores especiais nos principais portos galegos. O mar e a costa galega son parte da nosa riqueza, da nosa identidade como galegos e, no que atinxe aos xestores públicos, non dubiden que eu actuarei sempre que sexa necesario con todo o meu empeño e dedicación polo ben do medio mariño. Pero aínda que as nosas costas están hoxe libres de contaminación, temos que seguir traballando, en colaboración co Goberno de Mariano Rajoy e o Ministerio de Medio Ambiente, para buscar unha solución aos residuos que aínda quedan almacenados.

No hay comentarios: