martes, 24 de octubre de 2017

Malditos incendiarios

É difícil explicar con palabras o que sinto, o que sentimos os galegos, despois da traxedia humana e medioambiental que sufrimos hai una semana. O primeiro que quero facer é expresar, de novo, o meu apoio ás familias das catro vítimas e pedir respecto para elas. Para elas e para os veciños que perderon as súas casas e os seus recordos. A Xunta de Galicia acaba de aprobar un paquete de axudas para os afectados e desde o PP no Senado impulsaremos unha moción para solicitar a concesión de axudas e subvencións. Esa é a nosa función como políticos. Galicia non ardeu soa, queimáronnola. Dixérono o Presidente Alberto Núñez Feijóo e a Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, o que aconteceu hai unha semana foi algo excepcional e intencionado. O que vivimos só se pode definir como terrorismo. Os galegos estamos cansos de ter que ver como arden os nosos montes e como poñen en risco as nosas vidas. Non foi un problema de falta de medios nin de mala xestión. Non se poden utilizar os incendios como ferramenta política; non é sensato mentir e difundir falsidades. Todos temos que loitar unidos contra os incendiarios, é a única forma de vencelos e impedir que volvamos a vivir unha situación coma a do pasado fin de semana. Coñezo, pola miña etapa como Conselleiro de Medio Ambiente, o monte galego e o traballo e funcionamento das brigadas, e só podo agradecerlles o seu esforzo e a súa constancia. Sen eles estaríamos falando dunha catástrofe aínda maior; eles forman parte dos heroes anónimos desta traxedia. Pero tampouco podemos esquecernos dos veciños que de forma voluntaria colaboraron na extinción e de todos aqueles que están denunciando aos que prenderon lume ao noso patrimonio. Que ninguén teña dúbida de que o peso da lei caerá sobre eles, as súas accións non quedarán impunes. Como lucense encólleseme a alma ao ver calcinado o corazón dos Ancares, a súa flora e a súa fauna. Eu traballarei, desde a miña posición de voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Senado, para intentar restaurar pouco a pouco un dos nosos espazos máis senlleiros. É imposible recuperar as nosas árbores centenarias ou os animais, pero debemos traballar para devolver aos nosos bosques o que lles é propio e algúns desalmados lles arrebataron.

No hay comentarios: