martes, 4 de julio de 2017

40 anos de diálogo

Esta semana que acaba de rematar tiven a satisfacción de asistir no Congreso ao acto solemne de conmemoración do 40 aniversario das primeiras eleccións democráticas e o comezo da transición. Non só foi, na miña opinión, un acto institucional, senón tamén emotivo, que debería servirnos para reflexionar e botar a vista atrás, con orgullo, e na busca de exemplos que nos permitan seguir construíndo un futuro conxunto próspero. Foron 40 anos marcados polo diálogo e a concordia. Pola unión e o entendemento de todos os españois, máis alá de partidos políticos e ideoloxías. Un espírito de consenso encarnado na figura clave do Rei Emérito; dese espírito debemos aprender todos, especialmente aqueles que renegan do seu pasado e buscan a ruptura de España. Podemos quixo acaparar o protagonismo (unha vez máis) nun acto no que lo máis importante era España, a unidade de todos e o espírito integrador dos que 40 anos atrás conseguiron camiñar xuntos para acadar o período de maior esplendor do noso país. Non quixeron velo e nesta ocasión optaron polos caraveis para acaparar portadas e titulares. Para eles o vendible é o importante; para nós o transcendental é recoñecer os logros do pasado e poñelos en valor para seguir avanzando xuntos no futuro. Esta é unha das moitas diferenzas. Tanto o Rei como a Presidenta do Congreso pediron que se poña en valor a capacidade integradora da democracia e se busque na transición o consenso político perdido. E é que se houbo unha vontade que prevaleceu durante esta etapa foi a disposición ao diálogo, porque é con diálogo e no marco da lei onde se deben resolver as discrepancias. Queda claro que o espírito da transición non caducou, está máis vixente que nunca e debería servirnos como base para seguir construíndo unha España unida, coa diversidade como sinal de identidade e coa igualdade de todos como peza inquebrantable.

No hay comentarios: