lunes, 19 de junio de 2017

Gañou España

A que acaba de rematar foi unha semana na que nos vimos obrigados a asistir a un espectáculo bochornoso no hemiciclo do Congreso dos Deputados. Foi Pablo Iglesias quen se encargou de orquestrar este esperpento en forma de moción de censura; unha moción que xa nacía morta e cuxo único obxectivo era derrubar ao PSOE. Non era unha moción contra o Goberno nin contra Rajoy, senón unha artimaña política para roubar votos ao Partido Socialista e catapultar a Pablo Iglesias ao liderado da esquerda. Afortunadamente, España gañou e Podemos perdeu. Despois de escoitar o mitin de Iglesias e Irene Montero, a gran maioría dos españois déronse conta de que sería moi malo un Goberno no que o partido morado forme parte das institucións. A longa intervención de Pablo Iglesias estivo carente de calquera contido ou proposta que poida definirse como un proxecto político para España e os españois. Quedou patente que só hai unha persoa cunha idea clara de España, e esa persoa é Mariano Rajoy, o mesmo que desde que chegou ao Goberno puxo por riba de todo os intereses dos cidadáns. Fronte a el está un partido radical cun líder que camiña co único obxectivo de satisfacer o seu ego persoal e acadar o seu propio beneficio político. Parece que algúns aínda non entenderon que en política o importante é resolver os problemas das persoas e non acaparar espazo e protagonismo nos medios de comunicación. A moción foi unha perda de tempo coa que se pretendía embarrar o terreo de xogo, tensar a vida política e deslexitimar as institucións. Abonda con comprobar quen apoiou a Podemos: os independentistas vascos e cataláns, os mesmos que queren romper a unidade do noso país. O Partido Popular non o vai permitir, igual que tampouco vai permitir que ninguén desestabilice España e poña en risco o crecemento económico e a creación de emprego que tanto nos custou a todos conseguir.

No hay comentarios: