lunes, 22 de mayo de 2017

Orgulloso de ser galego e español

Esta semana que acaba de rematar celebramos o Día das Letras Galegas e non podía deixar pasar a oportunidade de empregar estas liñas para render a miña pequena homenaxe ao gran escritor Carlos Casares, ao que lembramos este ano, e tamén a todos os que coma min nos sentimos galegos. Galegos sen discusión, galegos sen complexos, galegos orgullosos, o 17 de maio e sempre. O 17 de maio leva impresa a historia de Galicia, da nosa lingua e da nosa cultura. Son os nosos símbolos de unidade, aínda que ás veces algúns queiran empregalos como instrumentos de confrontación e como arma política. Eu, coma a maioría dos galegos, entendemos o idioma como un punto de encontro, porque a lingua sempre uniu aos pobos e debemos esforzarnos todos para que siga sendo así. É importante superar as diferenzas e, por riba de etiquetas políticas, defender a utilidade e a importancia da nosa lingua e da nosa cultura. O polifacético escritor e editor ourensán, Carlos Casares está considerado como unha das figuras máis singulares e representativas da literatura galega. A calidade e variedade da súa obra, así como a súa profunda implicación na vida social, cultural e institucional fixérono merecedor deste recoñecemento. Foi e segue sendo, a través do seu vasto legado, un firme defensor do idioma e as tradicións galegas. Os que nos sentimos galegos de corazón debemos recoller a súa herdanza e contribuír, como el o facía, a que o noso idioma e a nosa cultura estean presentes no mundo. É importante entender e defender Galicia como un proxecto de futuro e para iso necesitamos institucións comprometidas e políticos solventes. Apoio e comparto a tarefa que neste senso está facendo o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; porque sentirse galego non é excluínte. Porque, na miña opinión, o bo é poder ser galego e español, cidadán galego e universal, sen enfrontamentos.

No hay comentarios: